Política Lingüística, a USC e Casio presentan unha calculadora científica con configuración en galego

xoves, 30 de marzo do 2023 S. P.

Este xoves 30 de abril celebrouse na Facultade de Matemáticas da USC a presentación do novo modelo da calculadora ClassWiz, de Casio, que por primeira vez, e coincidindo co décimo aniversario do seu lanzamento, inclúe a lingua galega entre as súas opcións de configuración. Deste xeito, esta ferramenta científica xa pode usarse en cinco linguas diferentes: galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués.
Na presentación participaron, entre outros, a decana de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou “a importancia que supón a incorporación da lingua galega ás tecnoloxías, especialmente nun caso como este, que implica a oferta do galego á comunidade científica e ao amplo abano de usuarios que poden usar esta ferramenta no seu día a día”.
No acto, que coincidiu coa clausura do Mes das Matemáticas, tamén participaron o director xeral de Casio en España, François Vilaprinyó; o presidente da Asociación Galega de Profesores de Matemáticas (AGAPEMA), Julio R. Taboada; Cristina Naya, doutora en Matemáticas pola Universidade de Santiago (USC); Ana Freire, doutora e enxeñeira en Informática, e Eloy Bernal, responsable de comunicación da División Educativa de Casio España.
Segundo fixeron saber, este novo modelo, desenvolvido desde a División Educativa Casio, está deseñado por e para docentes, atende ás melloras solicitadas polos usuarios e ofrece unha calculadora científica máis intuitiva e sustentábel, con novas funcións de azar e emulador online, entre outras novidades.
Para a súa correcta utilización entre o profesorado de materias como Matemáticas ou Física ou Química, a Xunta e Casio prepararon, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación, unha serie de obradoiros de aprendizaxe que lles permita aos docentes manexar con soltura esta ferramenta.
A rolda de prensa tamén foi escenario para anunciar a incorporación da imaxe da galega Ana Freire, líder do Proxecto STOP (Suicide Prevention in Social Platforms), á colección de calculadoras #científicasCASIO, da que forman parte grandes nomes da historia como Ada Lovelace ou Marie Curie. Deste xeito, o novo modelo de ClassWizz xa está dispoñible tamén coa ilustración da enxeñeira lucense, obra da artista galega Lula Goce.
Esta colección, realizada en colaboración con 13 ilustradoras que decoraron as calculadoras ClassWiz coa imaxe de distintas científicas, pretende ser unha homenaxe ao significativo traballo da muller neste eido.

PUBLICIDADE