R continua despregando a súa fibra óptica en Vilaboa

venres, 18 de marzo do 2022 Anxo Sesto

O Concello de Vilaboa uniuse hai poucos meses á listaxe de municipios galegos con conexión á rede de fibra óptica de R. Daquela incorporáranse preto de 150 inmóbeis con núcleos en Costal, Magarella ou Barciela á infraestrutura ultrarrápida da operadora galega. A isto súmaselle agora 420 novos negocios e fogares da zona pontevedresa que xa poden gozar tamén de accesos ultrarrápidos a Internet e doutros servizos de última xeración.
R chega, desta maneira, á segunda fase do Plan Avanza ao despregar a súa rede de fibra óptica neste concello da Ría de Vigo. Esta e outras melloras da rede na provincia de Pontevedra forman parte dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dos que R recibiu axuda para despregar tecnoloxía FTTH en máis de 500 núcleos de Galicia que non dispuñan de alta velocidade. Nos tres plans vaise investir un total de 10 millóns de euros, dos cales preto de 8 millóns serán subvencionados por fondos FEDER da Unión Europea. Son máis de 196 os municipios que se van beneficiar desta nova xeración de redes; entre eles atópanse os municipios de Monterroso, Mos, Cuntis, Meaño, Guitiriz, Tomiño, Cariño, Palas de Rei, Abegondo, Antas de Ulla, Combarro... Algúns dos beneficios destas novas redes será simultanear de forma idónea tarefas de teletraballo, videochamadas, gaming, streaming, etc; un wifi 6 de última xeración ou unha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez.
A medida que se vai despregando a nova rede, a clientela de R será informada dos pasos que deben seguir para cambiar os seus dispositivos por outros máis avanzados. Os piares fundamentais desta renovación son a tecnoloxía 5G e a fibra óptica FTTH, contando con maior capacidade e posibilidade de xestionar unha cantidade inxente de datos e establecendo comunicacións ultrarrápidas sen apenas latencia.

PUBLICIDADE