The Last of Us Parte II chegará a PS4 o 19 de xuño

luns, 27 de abril do 2020 Marcus Fernández

A primeiros de mes, en vista das dificultades para unha distribución física de videoxogos a nivel mundial por mor da pandemia, Sony decidiu anunciar o adiamento indefinido do seu principal lanzamento de 2020, The Last of Us Parte II, título que dende Naughty Dog aseguraban ter practicamente listo para ver a luz; e agora, vendo que a distribución está en vías de estabilizarse, ousan pór data de lanzamento para o agardado xogo que tiña que ver a luz o 29 de maio e que finalmente sairá pouco tempo despois: o 19 de xuño.
Nos últimos días tamén apareceron pola Rede numerosas filtracións do xogo, forzando a Naughty Dog a amosar publicamente a súa decepción e pregar a non divulgación de contidos en vídeo que poidan estragar a experiencia a futuros xogadores por desvelar elementos importantes antes do lanzamento do xogo.

Ghost of Tsushima

The Last of Us Parte II non é o único lanzamento destes meses que padece axustes na súa data de saída, e Ghost of Tsushima non chegará na data prevista e sairá o 17 de xullo, data moi pouco habitual para un grande lanzamento, pero que enténdese que estamos nun ano fóra do normal, no que unha data estival previsiblemente non será mala para o lanzamento deste grande traballo de Sucker Punch Productions. Este título tería que ver a luz o 26 de xuño, e o seu retraso podería atender máis a motivos de axenda (para non competir con outro grande lanzamento exclusivo da mesma plataforma) que a dificultades no seu desenvolvemento.

PUBLICIDADE