The Last of Us para PC está a ter un lanzamento desastroso

mércores, 29 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O éxito da serie de televisión de The Last of Us provocou que a adaptación do seu xogo orixinal a PC tivese unha expectación moi grande, e aínda que o seu lanzamento se adiara do 3 ao 28 de marzo para pulir o resultado, semella que o tempo adicional non foi dabondo, porque en Steam podemos ver como o título atesoura o dobre de críticas negativas que positivas, no que algúns comparan coa desfeita do lanzamento de Cyberpunk 2077.
Cómpre salientar que as valoracións positivas do xogo tamén inclúen na súa meirande parte comentarios negativos no que respecta ao seu apartado técnico, ou sexa, que moitos usuarios realmente votaron positivamente porque gústalles o xogo e confían en que en poucas semanas poidan arranxar as súas serias deficiencias. Outros usuarios non foron tan benévolos e xa recibiron o reembolso pola súa compra, deixando claro que estamos ante un xogo ao que lle faltan varias semanas de desenvolvemento para poder considerarse rematado.
Entre os usuarios que critican o apartado técnico de The Last of Us para PC hai posuidores de equipos moi potentes, capaces de correr xogos semellantes coas gráficos en nivel alto, pero que con este título teñen que aturar fallos constantes e ter que aturar grandes esperas para que se procesen os sombreados, no que parece simplemente unha falta de optimización. Tamén hai usuarios que apuntan a que o xogo deixa de funcionar constantemente ou non chega nin a executarse (especialmente en equipos pouco potentes), pero o que está claro é que hai unanimidade en que estamos ante un xogo defectuoso, polo que dende Naughty Dog xa tiveron que saír a dar a cara, asegurando que están a investigar os fallos atopados polos usuarios.
Resulta realmente inconcibible que despois do que aconteceu con Cyberpunk 2077 un estudio tan reputado como Naughty Dog cometa unha neglixencia tan grave cun título tan agardado, pois resulta evidente que os defectos do produto poden verse á primeira, e cando decidiron adiar o xogo tiñan que ter sido máis prudentes e dar marxe dabondo para poder completar o seu traballo, en vez de prexudicar a súa reputación e reducir a confianza dos xogadores de PC de cara a lanzamentos futuros.

PUBLICIDADE