Uns afeccionados recrean fielmente a serie de animación de He-Man nun beat’em up

mércores, 15 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que a serie de animación de He-Man e os Amos do Universo, que nos anos oitenta puidemos ver na TVG, continúa a ter produtos derivados moitos anos despois (como un xogo para iOS que puidemos ver hai pouco máis dun ano) non son poucos os nostálxicos que queren seguir a rememorar esas historias que non eran máis que un cebo para levar aos cativos a mercar xoguetes de Mattel, o que levou a un grupo de afeccionados a traballar nun xogo de loita de desprazamento lateral (beat’em up) que recolle fielmente a estética da serie de 1983 e que xa conta cunha versión de demostración xogable.
Este proxecto sen ánimo de lucro é froito dun intenso traballo no que colleron os gráficos base das edicións en DVD das series de televisión de He-Man e She-Ra, para o que tiveron que colaborar varios seareiros das series para repartirse o traballo.
Aínda queda moito por facer para conseguir un xogo o bastante completo, e posiblemente o proxecto permaneza en activo durante moitos meses sen chegar a completarse nunca, pero a alta demanda da súa versión de demostración (que actualmente non pode descargarse polo elevado tráfico xerado nas últimas horas) dá a entender que este tipo de traballos teñen un público obxectivo moi definido, e goza do respaldo de moitos nostálxicos.
Un vídeo permítenos ver a calidade do traballo que está a levar a cabo este grupo de afeccionados:


Para facer posible esta recreación, os afeccionados empregaron o motor de xogos 2D de código aberto OpenBOR, o que permite que poida gozarse en ordenadores e incluso en dispositivos con Android.

PUBLICIDADE