Vigo pechará a 7ª edición de Venture on the Road de BStartup de Banco Sabadell, SeedRocket e Wayra

luns, 15 de abril do 2024 S. P.

A VII edición de Venture On The Road chega ao final do seu percorrido pola xeografía española en busca das mellores novas firmas innovadoras en fases iniciais. O evento itinerante está organizado por BStartup, o servizo financeiro para startups, e scaleups de Banco Sabadell, SeedRocket e Wayra (Telefónica). Ademais, conta coa colaboración de Google for Startups.
A última parada desta edición realizarase en Vigo o próximo 9 de maio no Palacio da Oliva, no marco de The Way Startup Summit 2024, que cada ano reúne ao redor duns 2.000 asistentes entre investidores, novas firmas innovadoras e institucións. As startups que queiran inscribirse no encontro poderán apuntarse ata o 29 de abril na páxina de Venture On The Road. O programa, segundo fixeron saber as entidades organizadoras, mantén o seu formato e obxectivos: “Buscar as mellores oportunidades de investimento de cada comunidade e permitir ás startups en fases iniciais presentar o seu proxecto ante investidores e xerar unha rede de contactos profesionais de calidade”.
Desta volta, Venture on the Road Vigo conta coa colaboración de socios locais como Xesgalicia e Startup Galicia. A firma gañadora da proba galega terá un posto asegurado na gran final nacional cuxa celebración será no 28 de maio en Wayra Madrid.
Tamén poderán unirse ao programa de nativos dixitais de Google Cloud tendo ata $2,000 en créditos válidos por 9 meses e recibir soporte técnico directo de enxeñeiros de Google Cloud. Ademais, brindaráselles acceso gratuíto a sesións de consultoría técnica e empresarial, xunto con prioridade na formación avanzada de Google Cloud Platform.
Por outra banda, cada unha das startups gañadora de cada cidade terán a oportunidade de asistir ao próximo Campus de Emprendedores (32.ª edición), programado para novembro de 2024.
Durante esta VII Edición, o evento itinerante, Venture on the Road estivo visitando un total de seis cidades españolas para localizar talento e novas iniciativas empresariais prometedoras a nivel autonómico máis aló de Madrid e Barcelona, os dous hubs tecnolóxicos de referencia en España. En concreto, o evento xa pasou por León, Elxe, Palma de Mallorca e Donostia ata chegar á súa última parada en Vigo, previa á gran final.

PUBLICIDADE