Todo volve mudar

mércores, 9 de agosto do 2023 Marcus Fernández

No mes de abril o profesor e experto en innovación tecnolóxica Enrique Dans publicou Todo vuelve a cambiar, un libro editado por Deusto no que colle o relevo do seu ensaio Todo va a cambiar de 2010 para afondar en materias que poden chegar a ter un grande impacto nas nosas vidas, como o Metaverso, a tecnoloxía de cadeas de bloques, a intelixencia artificial...
Aproveitando que Dans visitou a Feira do Libro da Coruña para asinar exemplares da súa última obra, quixemos conversar con el sobre a mesma.

– Sorprende ver que o seu novo libro é unha sorte de secuela, retomando un texto dun momento moi diferente, no que a web social era prometedora e o fenómeno dos smartphones aínda non chegara ao seu apoxeo. Que motivou esta obra?
– O meu editor en Planeta, Roger Domingo, por casualidade estivo nunha das miñas conferencias na que falaba do cambio que era a evolución da web, a entrada da cadea de bloques, a entrada da intelixencia artificial e todas estas cousas, e gustoulle. Considerou que estaba ben argumentado e que o facía doado de entender, polo que pediume que fixese un libro, xa que era bo momento. Propuxo que o entregase en febreiro para poder chegar a tempo á Feira do Libro de Madrid, pero eu díxenlle que prefería estar no San Jordi en Barcelona, pois esa celebración está máis metida na cidade (como a Feira do Libro da Coruña), e para conseguir tal tiña que escribir o libro en pouco máis dun mes, e así o fixen porque o tiña moi claro.
É de entender como de importantes son os cambios que veñen. Penso que quen non entende que a web vai cambiar, cunha descentralización que vai facer que as empresas máis grandes do mundo perdan unha parte do poder e o gañemos nós, vai ter problemas. O que tento é que a xente poida ler o libro e entendelo dun xeito didáctico.

– O salto que houbo entre a publicación dos dous libros foi xigante, partindo dunha perspectiva na que a web social era positiva e chegando a un momento no que case podería considerarse o meirande perigo para a democracia.
– Así é! A democracia está en perigo por cousas que pasan no Facebook (como o caso de Cambridge Analytica) e chegamos mesmo a xenocidios.
O problema é que hai que diferenciar entre a tecnoloxía e o uso que facemos dela. A tecnoloxía pode ser boa e significar un progreso, pero algunhas persoas poden interpretala de xeito revirado, e temos problemas.
Unha rede social nun principio é algo interesante, que seguramente seguiremos a precisar de aquí a moitos anos, pero se cambias a natureza da rede social, e a convertes nun medio de comunicación, o que constrúes é unha cousa diferente. É unha ferramenta para mediatizar á xente, para construír cámaras de eco...

– Precisamente no libro comentas o posicionamento de Facebook para monopolizar un futuro Metaverso.
– É unha fuxida cara adiante dunha empresa con problemas de reputación e nas súas plataformas (por ser propiedade de terceiros como Google e Apple). Así a ilusión húmida de Mark Zuckerberg é pór a plataforma el, pór as normas, e así facer o que queira.
A xente non é parva de todo, entendeu que todos estes desenvolvementos ían en beneficio dun terceiro e así temos que a meirande parte dos visores de realidade virtual que se venderon están metidos nun caixón.

– Pero estes visores de VR poden ter un rexurdir por mor das Vision Pro de Apple. Poderá chegar a callar esta tecnoloxía?
– Penso que o que permitirá é que nos decatemos de que podemos prescindir da pantalla e traballar doutro xeito. É unha liberación, pois un monitor non é o mesmo que ter unha pantalla practicamente ilimitada.
A cuestión é que con Apple as revolucións son sempre do mesmo xeito: comezan cun produto tipicamente caro (neste caso aínda máis, xa que o produto non é doado de fabricar e tamén é moi complexo de comercializar) e en cousa de poucos meses vese copiado. De aí enténdese que Apple cada vez sexa máis unha empresa de servizos, e como tal, a idea de vender o hardware é importante, pero non é toda a estratexia, de aí que pense que este produto vaia afectar bastante ao mercado.

– Nos últimos meses tamén puidemos ver como tras apostar en firme ao Metaverso, os investidores mudaron de rumbo e dirixiron a mirada case en exclusiva aos proxectos que tivesen compoñentes de intelixencia artificial. Están a ter boa vista coas tendencias ou teremos unha burbulla da IA?
– O Metaverso está a agardar polo momento do código aberto e que haxa un conxunto de protocolos cos que calquera poida construír o que queira sen ter que pedir permiso a Mark Zuckerberg; pero pensar na intelixencia artificial como unha tendencia nova é de tolos, pois levamos cinco décadas coa intelixencia artificial. Eu mesmo levo dez anos no comité asesor dunha empresa de IA.
O que temos agora é que Sam Altman, con grande experiencia na incubadora Y Combinator, conseguiu pechar unha quenda de financiamento como ninguén fixera antes nesta materia. Así puido arrincar un proxecto capaz de descifrar a linguaxe humana, que é moi complexa, e consegue un algoritmo que escribe. Escribe ben! É moi convincente (incluso cando da información falsa). Así a xente decátase de que a IA ten moitas máis posibilidades das que parecía.

– Estamos ás portas dun novo conflito por mor das intelixencias artificiais xenerativas, como cando no seu día a Industria discográfica revolveuse contra media Internet por mor do copyright?
– O que ten a IA é que podemos aplicala practicamente a todo. Cando comezamos con ChatGPT a idea era substituír cousas que a xente facía cun teclado e cunha pantalla; e xa de por si era irónico, pois todos pensabamos que a grande irrupción da tecnoloxía ía estar presente nos traballos máis mecánicos, perigosos, aburridos... pero non! Chega á xente creativa, aos directivos... á xente que traballa cun ordenador.
Que pasa cando incorporemos todas esas posibilidades a un robot? Imos pola outra parte da sociedade: os traballos máis manuais. Vai afectar a todo!
Precisamente co meu editor comentamos o caso dos deseños de portada, que normalmente hai que elixir entre unhas poucas opcións que ofrece un artista, e agora unha IA xenerativa pode facer un cento de propostas a elixir, e incluso máis creativas, xa que un algoritmo non ten certas barreiras que tería un humano (polo que hai cousas que a unha persoa non se lle ocorrería combinar). Se o pensas a IA podería estar a facer un traballo mellor. Estamos nun punto de inflexión enorme!
Cos dereitos de autor é o mesmo. Se quen crea é unha máquina, non hai dereitos de autor. A ver que facemos con iso? Porque eu podo alimentar a máquina coas obras dunha persoa, pero cando a máquina crea unha cousa parecida ás obras desa persoa non ten dereitos de autor.

– Non podemos esquecer que na portada do libro colocas nun lugar destacado as cadeas de bloques. Poderá librarse esa tecnoloxía do sambenito que lle puxeron os crypto bros e todas esas malas experiencias cos NFT?
– Esa tecnoloxía serve case para todo. Calquera cousa transaccional pódese meter nunha cadea de bloques e notarizala e, por tanto, todos os problemas de confianza que hoxe tes na web deixan de existir. É meter a confianza no sistema.
Por enriba diso tes a idea das criptomoedas, que é o primeiro desenvolvemento que se fai da tecnoloxía, pero podes aplicalo ao que queiras. Podemos reinventar o diñeiro, quitando a posibilidade que producir cartos de máis ou de ter a inflación como un fenómeno natural. Por que ten que perder valor o diñeiro? Se podemos mudar a regras diso, estamos a falar dunha revolución verdadeiramente moi importante.

– Xa para rematar, se pensamos en que dentro dunha década continúes con esta serie de libros, en que situación estariamos? Por exemplo, diremos adeus aos smartphones?
– Deixaremos de empregar os smartphones para moitas cousas, que se farán cunha pantalla virtual proxectada onde queiramos. Non creo que ao smartphone vaiamos dicirlle adeus, porque seguirá sendo convinte para moitas cousas. Pero temos que pensar o que pasaría se algunha tecnoloxía que se utiliza só para unha cousa, cunha killer application podemos utilizala para moitas outras cousas. É o que tento inculcar aos meus alumnos en clase.

PUBLICIDADE